A contratación o servizo de vixilancia do Fogar do Transeúnte e o CEI Nodus por 185.000€

O Concello de Lugo avanza na renovación dos contratos de servizos municipais coa aprobación na reunión da Xunta de Goberno celebrada hoxe da apertura do procedemento para adxudicar o servizo de vixilancia do Fogar do Transeúnte e do CEI Nodus, por un importe conxunto de 185.000€, así como o subministro de combustible para vehículos e maquinaria municipal, por 252.000€.

Segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, no caso da vixilancia, o contrato divídese en dous lotes, un para o Fogar do Transeúnte, cun orzamento base de licitación de 119.000€, e outro para o CEI Nodus, por 76.000€. En ambos casos terá unha duración de un ano, prorrogable por outros catro.

En canto ao subministro de combustible, a formalización dun contrato único simplificará a tramitación administrativa e suporá un aforro económico. O orzamento calculouse tendo en conta as cantidades anuais estimadas de adquisición, isto é, 80.000 litros de gasoil e 13.000€ de gasolina. A duración do contrato será de dous anos, con opción de prórroga por outros dous.

Por outra banda, tal e como avanzou onte a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, o Goberno aprobou o cambio de localización do busto de Xoán Montes dende os xardíns de San Roque ao fondo da Praza Maior, por ser este un lugar emblemático, en Lugo e na vida do músico lucense, pois está rodeado de escenarios importantes na súa traxectoria, como o edificio do Seminario, hoxe convertido no colexio dos Padres Franciscanos, onde se formou e aprendeu a ler e escribir música, o Círculo das Artes, onde traballou como pianista, a Catedral, onde foi mestre de capela, e o templete da música, onde cantou co Orfeón Lucense. No lugar dos xardíns de San Roque no que está hoxe o busto do músico lucense o Concello colocará unha peza alusiva á época romana que se atopa no balneario.

Asemade, a Xunta de Goberno, en cumprimento da ordenanza municipal reguladora das prazas e mercados, aprobou o rexistro anual de persoas con autorización para vender no Mercado Tradicional, un total de 142, e no de Frigsa, que suman 101.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com