A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, salientou hoxe dende Bruxelas o “importante debate” sobre a simplificación da Política Agraria Común (PAC) que tivo lugar onte durante a sesión da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, da que a deputada galega é coordinadora para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
En relación á “simplificación” proposta pola UE, Lídia Senra trasladou onte ao Comisario de Agricultura Phil Hogan que dita simplificación da PAC debería supoñer “eliminar burocracia, eliminar trabas e axudar a que os labregos e labregas teñan moita máis facilidade á hora de solicitar os expedientes”. Aliás, demandou que estes expedientes “se volvan facer dentro da Administración, nas oficinas agrarias comarcais, e de maneira gratuíta”, condicións que non se están a cumprir neste momento”.
Por outra banda, denunciou a eurodeputada de AGEe, as medidas de flexibilización ás que se poden acoller os estados están a ser empregadas polo Estado Español “para eliminar as axudas das pequenas explotacións, é dicir, xustamente as explotacións que perciben menor contía de axuda, xa que pretenden eliminar da percepción de axudas da PAC a todas aquelas ás que lles corresponda menos de 300€ “. Estímase que aproximadamente 15.000 explotacións na Galiza, unhas 30.000 en todo o Estado, ficarían excluídas destas axudas.
A eurodeputada de AGEe aseverou que este plantexamento “é totalmente inasumíbel para nós”, polo que na súa calidade de titular para a Comisión de Agricultura do GUE/NGL transmitiu a necesidade de que a flexibilización “non se utilice para eliminar ás explotacións máis pequenas” e reivindicou que dita simplificación da Política Agraria Común tense que facer “para facilitarlle a vida aos labregos e labregas que teñen que facer a solicitude da PAC “.