O SLG demanda de Medio Rural xuntanzas informativas sobre a praga da pataca

O vicerresponsable do Sector de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, Henrique Outes, vén de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural no que a organización denuncia o “escurantismo” da Consellería á hora de tratar a crise da couza guatemalteca. “As familias que cultivan pataca nas zonas afectadas só están accedendo á información sobre a xestión desta praga a través dos medios de comunicación que, en ocasións, publican datos contraditorios que non fan máis que xerar unha maior confusión, realizando un labor informativo necesario pero que debería corresponder, en primeiro termo, á propia Xunta de Galicia“, esgrimen dende o sindicato.

Así, o sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que os controis da couza guatemalteca están a funcionar de cara a erradicar a praga, inferindo que, “axiña poderán volver cultivar patacas con normalidade”. Porén, fontes da propia Consellería de Medio Rural consultadas polo SLG afirman que é “moi improbable” que se erradique a praga e que o criterio para levantar as prohibicións é o de deixar pasar dous anos sen cultivar dende a captura do último exemplar de Tecia solanivora. “Tendo en conta que en 2018 seguíronse atrapando exemplares de couza guatemalteca en tódalas zonas afectadas, a prohibición de plantar vai para longo”, alertan dende a organización. Pero o sector produtor non ten ningunha declaración nin dato oficial de Medio Rural ao respecto.

“O problema é que a desinformación no sector está a ser total”, denuncia o SLG. A única interlocución entre produtores afectados e Medio Rural é unha circular de uso interno para as oficinas agrarias comarcais, cando toda a información existente sobre esta crise debería ser de acceso público e, en especial, para as explotacións agrícolas en corentena.

Por iso, “dende o SLG, demandamos da Consellería a convocatoria urxente de xuntanzas de carácter informativo en tódalas comarcas afectadas” pola corentena da Tecia solanivora e a publicación de informes nos que se faciliten todos os datos existentes en cuestións como as medidas adoptadas, os avances na loita por erradicar a couza, a estimación dos prazos nos que se manterá a praga en cada comarca, etc. Ademais, o Sindicato continúa insistindo na necesidade de que na comisión de seguimento desta crise haxa representación do sector produtor, principal damnificado dos danos e prohibicións e principal interesado en coñecer os progresos, datos e decisións na loita contra esta praga.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com