Nova semana nos
Codex onde estrearán un cinema diferente que está lonxe dos focos de atención dos medios e das estreas que chegan habitualmente a Lugo. É o caso de
Mug, o filme de Małgorzata Szumowska que tivo a súa presentación no festival de Berlín de 2018, onde foi recibida con grande éxito e levou o Gran Premio do Xurado, unha das máis importantes distincións do certame alemán. Este filme polaco, entre o drama e a comedia, a partir dunha situación realmente excepcional, fala de
forma moi orixinal sobre temas realmente complexos como a relixión, o fanatismo, os prexuízos cara os que son diferentes, a partir da historia dun mozo, amante do heavy metal e obreiro que é protagonista dun milagre. De ser un suxeito marxinal da súa comunidade pasará a ser un elixido.
Szumowska é unha das cineastas polacas máis activas do panorama actual. Os seus filmes teñen un perfil moi combativo en favor das minorías (sociais, sexuais, raciais) dun país que leva anos vivindo un xiro conservador tanto no social como no moral. Tras o éxito de Cold War, o cinema polaco volve a Codex Cinema cun filme que, se ben é moi diferente en estilo, comparte a utilización da música como fío integrador do relato. Mais tamén a disidencia política como única forma de defender a nosa liberdade nun mundo que quere privarnos continuamente dela.
A equipa de Codex Cinema está formada por cinéfilos que levan anos sufrindo ou malvivindo a escasa diversidade da oferta cinematográfica dos cinemas de Lugo. Por iso mesmo, tratan de ofrecer cada semana un cinema diferente que permita a todos os espectadores complementar a visión do mundo coas películas máis comerciais que normalmente copan as salas da cidade. Por iso, tamén queren botar a vista atrás e recuperar unha serie de filmes que estrearon en 2018 e aos que non chegaron a tempo. O primeiro deles será Quién te cantará, a terceira película de
Carlos Vermut, un dos autores en auxe do cinema español. Tras debutar cun filme de culto como Diamond Flash, o cineasta madrileño tocou o ceo con Magical Girl, arrasando no Festival de Donostia de 2014.
A historia dunha cantante en crise creativa lle sirve a Vermut para continuar o seu particular universo de referencias cruzadas, con moitas influencias do cinema de Pedro Almodóvar, pero desde unha óptica máis actual, a medio camiño entre o melodrama e o thriller, entre os tópicos da cultura española e as liñas xenéricas do cinema americano. O filme xa foi estreado hai tres meses no resto de España e ao estar na fin da súa vida comercial, terá pases limitados o martes, mércores e xoves da semana próxima.
Diana Toucedo en Lugo
Dende Codex avanzan, asemade, que, para o día 8 de febreiro a cineasta galega
Diana Toucedo estará en Lugo para presentar, no día da estrea en todo o estado español, o filme Trinta lumes. Rodada na provincia, na zona do Courel, a película retrata esta formidable paraxe natural de forma tan espectacular como máxica. Estamos ante unha obra que obtivo grande repercusión internacional. Foi presentada no Festival de Berlín de 2018 e percorreu gran parte dos festivais españois e galegos, mais por fin, logo de dar a volta o mundo, retorna ao lugar que a viu nacer. Desde Codex Cinema agradecen a Diana Toucedo e a Elamedia Estudios a súa implicación para facer este encontro posible.
Post Views: 0