A corporación de Lugo avanza na eliminación da pasarela metálica de Montero Ríos

O Pleno Municipal vén de aprobar de maneira definitiva o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) do rueiro 214A, isto é, en fronte á Porta de San Pedro, na confluencia da rúa San Roque, a Ronda da Muralla, Montero Ríos e Carril das Flores.

Un cambio do PEPRI que permitirá modificar o punto de unión entre estas rúas, mellorando visualmente a zona e permitindo unha convivencia máis cómoda de peóns e vehículos. Faráse eliminando a pasarela metálica que une a Ronda da Muralla con Montero Ríos e establecendo unha beirarrúa duns catro metros de ancho.

Co si, de PP, PSOE e Cidadáns, e a abstención do resto de grupos, o Concello sacará adiante esta modificación do Pepri para, dunha vez por todas, eliminar unha pasarela que hai 27 anos se colocou de maneira provisional. A pesares do apoio en forma de abstención, algún dos grupos foi moi crítico co procedemento que se mantivo ao longo dos anos. O grupo Mixto, encabezado por Carlos Portomeñe, tildou a problemática destes predios como “un proceso especulativo dos anos 90” despois de lembrar que foi o Partido Popular quen deu o seu visto e prace a esta ordenación urbanística.

Noutro punto, foron varios os grupos que quixeron plasmar unha pequena crítica hacia o proxecto de modificación presentado polo goberno. Así, Cidadáns, Lugonovo, PP e BNG, apostaban por avanzar non só na mellora deste cruce senón en dar unha solución á convivencia entre vehículos e peóns que podería pasar, como recomendaron os técnicos, por facer peonil a parte alta do Carril das Frores. 

Outros asuntos debatidos

Entre outras mocións o Pleno aprobou a iniciativa do BNG na que se instaba ao goberno local a iniciar as xestións necesarias para a posta en marcha dun Plan de xestión de residuos, baseado na reciclaxe, reutilización e recuperación, alternativo ao de SOGAMA, no que se contemple a compostaxe como un dos eixos prioritarios.

Asemade, o Bloque Nacionalista Galego obtivo a unanimidade ao reclamar a posta en marcha do dispositivo que permite coñecer a ubicación dos buses urbanos e controlar os seus horarios a través de dipositivos móviles. Na proposta do BNG incluíase tamén a demanda de que se convoque, de forma inmediata, aos grupos da oposición para explicar a situación das novas liñas de bus.

Pola súa banda, os populares conseguiron o apoio de toda a corporación, agás do equipo de goberno, para rescindir a concesión do Aparcadoiro situado na praza Viana do Castelo que, a empresa concesionaria, leva preto de 10 anos explotando sen pagar ao Concello as taxas correspondentes. Asemade, o PP convenceu á maioría do pleno, só Ace-Eu votou en contra, de que aprobase unha proposta para recuperar os quioscos que hai na cidade e que, deste xeito, dean un servizo útil aos cidadáns.

Protestas

E como xa tende a ser costume no Concello de Lugo, o inicio do debate plenario estivo marcado por unha protesta. Esta vez foi unha vintena de bombeiros do Concello quen, con pitos e berros, reclamaban un aumento do persoal. Tras facer un pasillito ao equipo de goberno, os bombeiros entraron no salón de plenos ataviados con pancartas e chalecos pedindo máis efectivos. Lara Méndez resaltou que as protestas non son máis que as consecuencias de 7 anos de restrincións do Goberno Central para a contratación de persoal e, asegurou, que en pouco tempo sairán 6 novas prazas pertencentes as ofertas públicas de emprego de 2015 e 2016.

O punto final do pleno, foi a aprobación, por parte de toda a corporación dunha declaración institucional sobre o día de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto no que o Concello  lembrará aos máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com