A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou durante a comisión de seguimento da estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, de que as obras de construción da pasarela peonil ao río, ao carón do Anxo Carro foi adxudicada en 712.685€ á empresa Taboada e Ramos. Para acometer esta obra, que mellorará a comodidade e seguridade do acceso ao río, son preceptivos informes favorables do Ministerio de Fomento, por afectar á estrada N-VI, e á Xunta, por estar no ámbito do Camiño de Santiago. O Concello enviou as solicitudes xa a mediados do mes de novembro, e unha vez obtidos poderanse iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses.
O obxectivo das obras da pasarela peonil ao río Miño é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial. As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade. Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.
Así mesmo, a Alcaldesa avanzou na comisión do DUSI, na que están representados todos os grupos políticos da Corporación, que foi adxudicada tamén a descontaminación do barrio do Carmen por 59.500€, actuacións que teñen un mes de prazo e comezarán ao longo de febreiro. Con este proxecto, o Goberno cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.
Por outra banda, os pregos para sacar a contratación a ampliación do acceso inferior da N-VI están listos coa previsión de que este mes salgan a licitación. O Concello xa conta coa acta de posta a disposición de ocupación duns terreos das inmediacións que non eran propiedade municipal, necesarios para darlle continuidade e conectividade coa Calzada da Ponte, cuxa peonalización da rúa é outra actuación de futuro, dentro da planificación do modelo de cidade do Goberno. Esta aprobación quedará condicionada aos informes sectoriais doutras administracións, autorizacións que xa se remitiron.
Conservación patrimonial do Carme
Neste senso, o grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida solicita que na intervención que o goberno local ten proxectada para a descontaminación no Barrio do Carme se teñan en conta as pavimentacións históricas e a conservación patrimonial desta zona tan sensible do municipio, pois tal como evidencia o ditame da Dirección Xeral de Patrimonio, o goberno pretendía simplemente asfaltar a actual Rúa Vicedo. Hai meses que ACE-EU conseguiu que o Pleno aprobase a realización de estudos planimétricos, históricos, arqueolóxicos, sociolóxicos e paisaxísticos na zona do Carme en previsión das actuacións na mesma dentro da Estratexia DUSI subvencionada pola UE, para que estas se executasen da maneira máis coidada de cara á protección do seu destacado patrimonio histórico e paisaxístico e evitar erros tan graves coma este; estudos que o equipo de Lara Méndez non quixo poñer en marcha.
O voceiro popular tamén fixo un balance da xuntanza desta mañá da comisión de seguimento da estratexia Dusi, unha reunión na que quedou patente que Lara Méndez “segue negándose a escoitar” xa que pretende seguir adiante coa pasarela que anunciou sobre a N-VI e que segue sen ter os permisos pertinentes da Xunta e do Ministerio de Fomento.