Unha muller e o seu fillo de 13 anos foron evacuados este mediodía polos servizos sanitarios de urxencia ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA), por intoxicación de monóxido de carbono. Todo parece indicar, segundo indicaron os Bombeiros de Lugo ao 112 Galicia, que a mala combustión dunha cociña de leña puido ser a causa da intoxicación.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia foi informado do suceso, pasadas as 12:00 horas. Os sanitarios, mentres atendían aos afectados na mesma vivenda, situada na Rúa Río Lea, na cidade de Lugo, detectaron un cheiro a gas.
Foi a partir de aí, cando dende o 112 Galicia se alertou aos Bombeiros da cidade, que decontado, se desprazaron ao lugar. Tamén, se solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e de Protección Civil.