O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Vicerreitora do Campus de Lugo, Monsterrat Valcárcel, e o Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron esta mañá o avance das obras do 1º centro de investigación láctea da provincia, que Deputación e USC constrúen con 2 millóns de euros. Desta cantidade, o organismo provincial achega 1,3 millóns de euros e a Universidade 750.000 euros. Fano co obxectivo de contribuír á mellora deste sector mediante a aplicación dos proxectos que investigadores e estudantes do Campus de Lugo (Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria, Máster de Produción de Leite…) desenvolvan nestas instalacións.
Campos Conde destacou que “este centro enmárcase dentro da nosa aposta por unha Deputación rural e coas persoas. Pois en Lugo contamos cunhas 3.600 explotacións láctea. O sector do leite representa o 18% do emprego na nosa provincia. Lugo lidera a produción leiteira en Galicia e en España con máis de 1,2 millóns de toneladas ao ano. Polo tanto, o sector lácteo é unha prioridade para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.
“Queremos contribuír ao seu impulso, a axudar aos profesionais a reducir custos de produción, a facer máis competitivas as súas explotacións ou a mellorar a súa calidade de vida. Buscamos facelo a través da investigación e a innovación; aproveitando o grande potencial humano que temos no Campus de Lugo onde o 25% dos seus grupos de investigación están relacionados coa produción láctea. Investigadores ou estudantes de Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria ou do Máster de Leite, entre outras titulacións, poderán desenvolver nestas instalacións os seus proxectos, que unha vez constatado o seu éxito se aplicarán a pé de leira, é dicir, nas propias explotacións lácteas da provincia que así o desexen”, expresou o presidente do Executivo Provincial.
O establecemento dun sistema eficiente que combine robot de muxido co pastoreo, que permita a distribución das parcelas de xeito que se maximice o aproveitamento dos pastos, minimizando o desprazamento dos animais; un ensaio de distintos materiais nas camas dos animais; investigacións sobre o comportamento diario dos animais a través do sistema de seguemento… son algúns dos proxectos nos que quere avanzar a USC no centro.
Actualmente, existen diversos grupos no Campus de Lugo que investigan sobre as problemáticas do sector nun amplo abanico de temáticas: dende as máis vencelladas ao comportamento e saúde dos animais como son os grupos de veterinaria; ás ligadas ao estudo das dinámicas produtivas do sector, pasando por aqueles que estudan os aspectos máis técnicos das novas tecnoloxías de mecanización rural. Dos 40 grupos de investigación que hai actualmente no Campus, unha ducia céntranse nesta temática.