Logo de que Lugonovo denunciara a situación o pasado mes de decembro, o Concello vén de confirmar á formación que o Híper Froiz non dispón de título habilitante para a instalación efectuada dos rótulos.
“O informe municipal é sumamente esclarecedor: ata o momento non foi presentada documentación algunha para regularizalos ou para solicitar a súa colocación nesa ubicación aínda que, tal e como se indica, o letreiro nesas condicións non é autorizable por incumprir as previsións do PXOM”, explica Víctor Álvarez Arias.
Lugonovo detectara, nada máis reabrir o establecemento, que o cartel principal sobresaía da liña de edificación, ademais de estar situado enriba dos arcos da fachada e non se axustaba nin ás dimensións nin as cores esixidas pola normativa local ao igual que o que sinaliza a entrada ao aparcadoiro sito no túnel do Carril das Flores.
O Grupo Municipal presentou entonces unha batería de preguntas para saber se os permisos pertinentes foran outorgados e, de non ser así, qué tipo de transgresión se estaba cometendo e qué sanción levaba aparellada.
“Tíñamos moitas dúbidas da lexitimidade destes anuncios e, ante a relaxación de funcións á que xa nos ten acostumados o equipo de goberno, asumimos nós o que, se entende, debera ser unha responsabilidade súa: velar pola protección do noso Patrimonio”, subliña Álvarez Arias.
“Vese que a nosa consulta derivou nun procedemento administrativo e, nestes momentos xa se atopa en trámite un expediente de restauración da legalidade urbanística, conforme á Lei do Solo de Galicia, segundo a cal podería acompañarse tamén dunha multa de entre 6.000 e 60.000 euros por tratarse dunha infracción tipificada como grave”, conclúe o edil de Lugonovo instando á administración a actuar con dilixencia para corrixir, canto antes, a referida irregularidade.