A Xunta impulsa a recuperación dun conxunto arquitectónico turístico en Reboredo, Láncara

Xunta de Galicia impulsou a recuperación dun conxunto arquitectónico no lugar de Reboredo, en Láncara, que será utilizado para actividades turísticas. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións que foron rehabilitadas cunha achega de 171.700 euros da Consellería do Medio Rural, o 50% do investimento subvencionable.

Da man da empresaria promotora da iniciativa, María Pilar Toirán, o delegado coñeceu o proxecto emprendedor que consiste na posta en marcha dun aloxamento turístico e un centro para actividades complementarias de ocio e de formación relacionadas cos recursos naturais, como a pesca, as castañas ou a micoloxía.

O proxecto recibiu financiamento da Xunta a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, que está a “favorecer a ampliación e a diversificación do tecido produtivo da zona, sufragando actuacións de modernización do sector primario e de consolidación doutros sectores emerxentes, especialmente o turístico”, segundo afirmou Balseiro.

Neste sentido, o delegado explicou que no mesmo municipio o GDR subvencionou recentemente unha instalación fotovoltaica para mellorar a eficiencia enerxética dunha granxa avícola, en Sambreixo, neste caso achegando 13.800 euros -o 35% do investimento subvencionable-. Con esta medida redúcese o consumo eléctrico da explotación nun 45%,  contribuíndo á redución das emisións de dióxido de carbono.

O delegado subliñou que ambos proxectos exemplifican o modelo de negocio polo que apostan os GDR, “empresas sostibles dende o punto de vista económico e medioambiental, que rendibilizan os recursos locais, xeran emprego, dinamizan o entorno e axudan a fixar poboación no rural”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com