Directivos de Ditram Automoción e de CaixaBank fixeron entrega de senllas doazóns solidarias a dúas entidades sociais de referencia en Lugo: Meniños e Juan Soñador. Ambas as achegas, que ascenden a 5.500 euros, enmárcanse na participación do Ditram no programa de Acordos Solidarios de CaixaBank Consumer Finance, que conta coa intermediación da Obra Social “a Caixa”.
A cantidade doada recolle a achega voluntaria que Ditram Automoción realizou por cada vehículo comercializado e financiado nos seus concesionarios a través dos servizos de CaixaBank Consumer Finance ao longo de 2018. Esta cantidade, 2.750 euros, é igualada por parte de CaixaBank.
Esta é a primeira edición en que o concesionario de Ditram Automoción participa no programa de Acordos Solidarios da entidade financeira. Correspondeu a Ditram Automoción a selección das entidades ás que realizar a doazón.
A primeira delas, a Fundación Meniños ten por obxecto a protección da infancia e a adolescencia, cun traballo orientado a garantir o dereito que teñen nenos, nenas e adolescentes a vivir en familia.
Pola súa banda, a Fundación Juan Soñador comparte como área de actuación tamén a infancia, tendo como finalidade principal a prevención, educación e promoción social integral dos nenos, nenas, adolescentes, novas, adultos e familias en situación de risco e/ou exclusión social.