Vilalba Aberta propón un Plan Municipal de Transición Forestal

A escasos 7 días da celebración do último Pleno de Vilalba, a agrupación municipal Vilalba Aberta vén de presentar unha nova iniciativa, a debater xa na vindeira sesión ordinaria do mes de marzo.

Unha nova proposta aos grupos, que atopa o seu contexto na necesidade de reverter o actual estado de abandono do monte, facéndoo economicamente rendible para o conxunto da súa veciñanza.

“Que un monte coidado é menos vulnerable diante do permanente risco dun incendio, semella tan incontestablemente certo coma o feito de que a explotación sustentable da nosa masa forestal, suporía unha saída produtiva clave para a veciñanza do noso Concello.” Apuntan dende a formación. Un verdadeiro “dique de contención”, aseguran, diante da “asumida lacra do despoboamento”.

Neste senso o Plan Municipal de Transición Forestal de Vilalba Aberta, parte dun triplo enfoque económico, social e ambiental, que, ao xuízo do establecido no mesmo, pasa por “subvertir o actual paradigma curtopracista e de hexemonía das invasoras”.

A este respecto, dúas son as actuacións a través das cales a formación pretende conseguir que os montes do Concello sexan realmente produtivos, isto é: por unha banda, o establecemento dunha liña de axudas aos veciños que repoboen con árbores autóctonas que, a medio ou longo prazo, resulten moito máis rendibles (como é o caso do castiñeiro); e por outra, o decidido apoio municipal á diversificación do terreo, co fin de avanzar cara explotacións conxuntas con cultivos de cogomelos, así coma de diversificación tamén cara a práctica da apicultura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com