A Xunta non destapará o escudo franquista do Ollos Grandes sen un requerimento forzoso

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que a administración autonómica “non destapará” o escudo franquista do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, “salvo que reciban un requirimento forzoso ou unha sanción firme” por parte do Concello de Lugo

O delegado explicou que a Xunta “ten ao día” todo o referente a esta obra e aclara que o Goberno presentou a comunicación previa dos traballos a realizar, elaborou un informe técnico asinado por un arquitecto, pagou a taxa, e aportou ao Concello a autorización do servizo de Patrimonio Cultural.

“Foi precisamente Patrimonio quen deu o visto bo á solución escollida, que consiste en tapar os escudos. Porque ao tratarse dunha fachada protexida non se poden eliminar, nin destruír, pero si cubrirse”, aclarou Balseiro.

O delegado tamén confirmou que a Xunta valora non presentar alegacións contra o expediente iniciado desde o Goberno local porque o Concello xa desestimou estas mesmas alegacións nunha situación similar que afectaba ao edificio de Sanidade.

Finalmente, Balseiro pon de relevo a incoherencia dos socialistas “que en Madrid queren levantar os restos de Franco e, en Lugo, o Goberno local, socialista tamén, quere obrigarnos a descubrir os escudos franquistas despois de tapalos, e obrigarnos a incumprir a Lei de Memoria histórica”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com