O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu a coñecer esta mañá unhas novas tarefas que vén de levar a cabo o Concello. Trátase do cambio de 14 luminarias na Praza de Abastos, nas que o Goberno inviste uns 2.100 euros, e que veñen de acometer os Servizos Electromecánicos da entidade local.
En concreto, as novas luminarias, con tecnoloxía LED, son máis modernas e eficientes e, nun futuro, permitirán regular o nivel de iluminación en función do nivel de luz natural que entre do exterior. Estas novas luminarias colocáronse na partel central da Praza de Abastos, tal e como explicou o edil, quen adiantou que para a parte perimetral se está a realizar un estudo que determine a forma de mellorar o sistema de iluminación existente na actualidade.
Estas tarefas enmárcanse dentro do compromiso do Goberno coa sostibilidade en cada un dos traballos que acomete, co obxecto de facer de Lugo unha cidade eficiente enerxeticamente falando, coas ventaxas medioambientais e económicas que iso conleva.