O BNG abandonou hoxe a comisión de seguimento de asuntos plenarios “despois de que a alcaldesa non fora capaz de dar unha resposta diferente á que leva repetindo durante máis de un ano”, explicou Maite Ferreiro e sinalou “é unha tomadura de pelo que non se dea ningunha información sobre os acordos relativos á concesión do servizo de bus”. Ferreiro avanzou que “o BNG non volverá a ningunha comisión deste tipo ata que, polo menos do bus, non se dea ningunha resposta concreta”.
A edil do BNG explicou que “entendemos que hai asuntos que teñen complicación técnica ou burocrática e que hai que agardar tempos por que non teñen fácil solución, pero parécenos inadmisible que no asunto do bus se sigan dando largas e se nos siga ocultando información”. O pleno do concello de Lugo aprobou reiteradamente iniciativas “para que o goberno poña en marcha o sistema de seguimento das liñas de bus e que se informe aos grupos da corporación de todas as cuestións relativas ao novo contrato do servizo de buses”.
Maite Ferreiro avanzou “dende o BNG seguiremos traballando para que o bus funcione en Lugo, por que o concello ten os medios e as ferramentas para facer que a empresa poña en marcha medidas para modernizar o servizo e poñelo á altura deste século”.