A Sección Sindical da CIG no Concello de Lugo denuncia o “abuso” que desde o Concello se está a facer na contratación a través do sistema de comisión de Servizo para cubrir as prazas de xefaturas. O Concello de Lugo utiliza este sistema de xeito cotiá e continuado, cando este sistema está limitado exclusivamente para casos de máxima urxencia.
Así, neste ano, ofertouse mediante este sistema os postos de Xefatura do Parque Mobil e Parque Infantil de Tráfico, e agora pretendese cubrir mediante o mesmo sistema o posto de Director da Banda de Música Municipal.
No primeiro caso, o posto está vacante desde agosto de 2017, “tempo mais que suficiente para prover a praza de forma ordinaria e axeitadamente”. No caso do posto de Director da Banda de Música Municipal, o mesmo está vacante desde novembro de 2016, “tempo tamén mais que suficente” para prover a praza ordinariamente, mais neste caso, pretendese cubrir cunha persoa que non consta que posúa a titulación de Director de banda.
A situación desta vacante “era máis que previsible” tendo en conta que o titular anterior do posto íase xubilar, circunstancia que el mesmo anticipou ao propio concello a principios do ano 2016.
É por esto, que desde a Sección Sindical da CIG no Concello de Lugo se preguntan a razón de que o Goberno de Lara Méndez non convocara estes postos mediante os procedementos recollidos na Lei, e que garanten o acceso á Administración segundo os principios de Igualdade, Mérito e capacidade.
De igual xeito, procedeuse á elección da Dirección da Escola Municipal de Música dunha maneira contraria ao previsto no propio Regulamento de Réxime Interno da Escola, como este sindicato ten denunciado xudicialmente.