A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG rexeitou o recurso interposto polo propietario de 23 predios situados no Concello de Muras no que reclamaba a Consellería de Medio Ambiente unha indemnización de 367.744 euros polos danos e prexuízos ocasionados pola inclusión das leiras na Rede Natura 2000. O tribunal considera que o recorrente carece de dereito a ser indemnizado pola Xunta porque a entrada en vigor do Plan Director da Rede Natura 2000 “non supuxo ningunha limitación específica e exclusiva para o aproveitamento das parcelas que non estivese contemplada na lexislación vixente con anterioridade”.
“Non concorre a necesaria relación de causalidade entre o funcionamento do servizo público, que o actor deriva da aprobación do Decreto 37/2014, e o dano que se afirma como causado”, salienta o TSXG na sentenza, na que destaca que “tampouco se demostra a concorrencia do requisito de dano efectivo”.
Así, indica que os danos reclamados polo dono das leiras se centran “nas perdas por afección á explotación de gando de monte, así como nas relativas á diminución do valor dos terreos”. Os maxistrados, con todo, sosteñen que “non se acreditou a realización, con anterioridade á entrada en vigor do Decreto, dunha efectiva explotación de gando nos terreos nos termos que se alegan previstos no informe pericial que se achega coa reclamación”.
“En definitiva, non consta acreditado que os danos reclamados respondan á efectiva perda de usos cos que o reclamante contaba e que exercitaba con anterioridade á aprobación do Decreto e dos que se viu privado como consecuencia directa da devandita aprobación”, recalca a sala, á vez que subliña que no informe pericial practicado en sede xudicial “se parte de hipóteses ou expectativas afastadas de danos reais e concretos, que non se poden dar por acreditados”.