Afundación, a Obra Social de ABANCA, pon en marcha unha nova edición do seu programa Fálame da emigración, no que maiores voluntarios e alumnos de centros escolares de toda Galicia dialogarán sobre vivencias na emigración. A iniciativa enmárcase na liña estratéxica O valor da experiencia, da Área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade.
Nesta nova edición, a cuarta, Fálame da emigración desenvolverase en centros escolares situados nas localidades onde Afundación ten un Espazo +60 —as sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte)—, coa participación de estudantes de ESO. O programa está aberto a todos aqueles institutos que queiran participar no proxecto, coa incorporación continuada de novos voluntarios que viviron a experiencia da emigración.