PSOE: “os lucenses non achegaran nin 1 só euro” se a Xunta suprime ou modifica os 4 graos do Campus

Despois de “non desmentir taxantemente” a intención manifestada pola Xunta de Galicia de suprimir do Campus de Lugo, Enxeñería Química e Enxeñería Civil e de compartir Enxeñería Agrónoma con Ourense e Enxeñería Forestal con Pontevedra, valorando clases telemáticas nestes graos; o Partido Socialista na Provincia de Lugo advirte e toma medidas.

Segundo aseguraron en rolda de prensa os socialistas, o único que transcendeu ata o momento é que están a facer unha restruturación “con nocturnidade, aleivosía e sen participación da comunidade educativa, de Deputación e Concello de Lugo, que invisten cuantiosos fondos públicos na posta en valor da universidade”; así como que non se van a reducir o número de titulacións. “Non aclararon en que consiste esta restruturación nin en que situación van a quedar os graos”.

O Secretario Provincial, Álvaro Santos Ramos, e a Presidenta do partido e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, xunto ao Secretario de Educación, Miguel Vilar Rivas, abordaron este asunto que “está a preocupar moito aos docentes e aos alumnado” e informaron sobre as medidas que tomarán en defensa do Campus Terra e dos intereses dos lucenses.

Santos e Méndez advertiron que “dende o PSOE, que gobernamos en Deputación e Concello, non imos a quedar impasibles e ser espectadores de cambios nun dos piares no que se sostén o desenvolvemento da provincia. Só nestes últimos 3 anos, levamos feito un esforzo inversor de 10 millóns de euros de fondos públicos de
todos os nosos veciños para o impulso do Campus Terra. Polo tanto, estamos nunha posición moi razoable para esixir que os lucenses teñamos información e formemos parte na toma de decisións. Debemos coñecer en que consiste esa restruturación. Non imos a aportar nin 1 euro para un recorte no Campus de Lugo.”

Santos Ramos remarcou que “non hai un só criterio económico nin educativo para eliminar estas titulacións”. Isto non suporía, segundo o socialista, ningún aforro porque o persoal que as imparte é fixo e seguirán no Campus. Levan acadado máis de 40 millóns de euros de fondos europeos en I+D+I a través de convocatorias de concorrencia competitiva que abalan o seu traballo. Enxeñería Forestal e do Medio Ambiente e Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria están recoñecidas a nivel mundial.

Santos salientou que “a supresión destes graos é unha ameaza para todos os nosos veciños que queren estudar e teñen Lugo como primeira opción ou para as empresas que queren seguir investindo máis en investigación”.

Méndez apuntou que “o Campus permitiu a moita xente ter unha formación universitaria e recibir unha educación pública de calidade sen ter que desprazarse da súa provincia. O Campus é vital para o desenvolvemento e crecemento do Concello”. Só os seus case 5.000 alumnos xeran beneficios mensuais de 3 millóns.

O Secretario Xeral salientou que “o PP na Xunta fala dunha reestruturación como no 2017 dicía que estaban a facer unha readaptación que segue vixente, pois o seu período é 2017-2021. Falaban dunha simple readaptación e o que fixeron foi mutilar o Campus de Lugo, suprimindo 4 titulacións en base ao número de matriculados. Non nos fiamos da reestruturación na que traballan con este escurantismo”.

Neste senso, a Alcaldesa subliñou que “a credibilidade da Xunta é inexistente. Temos moitos outros indicios, como os terreos do barrio da residencia ou a Rolda Leste, para sospeitar que nos minten. Queremos claridade por parte da Xunta de Galicia, pois o Campus de Lugo xa sufriu recortes por parte deste goberno galego do PP”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com