O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, visitou hoxe a cidade de Lugo para reunirse cuns 350 militantes e simpatizantes e amosarlles os primeiros rasgos do seu programa electoral a un día de saber se haberá ou non eleccións xerais. Casado, acompañado da presidenta provincial do partido, Elena Candia, o secretario xeral en Galicia, Miguel Tellado e o alcaldable popular en Lugo, Ramón Carballo, amosou o seu apoio ao candidato ao que lle lembrou que a sociedade lucense “precisa dun novo goberno con boas políticas e sen a parálise actual”.
En clave nacional, Casado mandou unha mensaxe ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez no que asegurou ter o partido “preparado para o que decida mañá” o Presidente. Asemade, cualificou de “fuxida hacia diante” a actitude de Pedro Sánchez ao que lle lembrou o rexeitamento do Congreso aos Presupostos Xerais de onte, feito que considerou como “unha moción de censura de facto”. Pablo Casado, lanzou ademáis dúas cuestións ao aire de cara a unhas posibles eleccións xerais: vai o PSOE a seguir negociando cos separatistas? e, vai a algunha outra forza política a apoiar aos socialistas de Pedro Sánchez?