Socialistas, familias e traballadores esixen ao Concello e á Xunta de Galicia melloras na gardería de Antas de Ulla. Así o explicou a voceira municipal, Pilar García, que denunciou as deficiencias da Escola Infantil o que non permite ás 3 profesionais ofrecer correctamente aos 20 usuarios, de entre 0 e 3 anos, un servizo público vital para os pais e nais da vila. “O corpo docente e os nenos están nunha situación insostible e moi precaria que se leva prolongando durante máis de 10 anos. Se de verdade o Alcalde e o goberno galego queren apostar polo rural deben solucionar este problema canto antes”.
O PSOE de Antas de Ulla denuncia que nos 75 m 2 do centro o persoal educativo e os nenos teñen que compartir baño, posto que non teñen aseos propios. As monitoras tampouco teñen unha zona de vestiarios para poder cambiarse e non hai almacén para gardar os carriños. A sala principal utilízase como zona de xogo, alimentación e sono ao non estar divididas. O espazo para os bebés cos berces só esta separado parcialmente o que dificulta o descanso axeitado para os nenos polo ruído que ocasionan outros usuarios de idades máis avanzadas. O peche perimetral do patio exterior está deteriorado e o chan é de terra, incumprindo as normas de seguridade.
Ademais os pais quéixanse do acceso á escola, pois ao estar dentro das instalacións do CEIP Antas de Ulla, teñen que pasar polo corredor do ximnasio, moi estreito e con escaleiras, dificultando o desprazamento dos nenos nos carriños.
A voceira socialista informou que o PSOE rexistrou no Concello unha proposta reclamando ao Alcalde e á Xunta de Galicia que tomen as medidas oportunas para solucionar estes problemas e ofrecer este servizo público con calidade.
“Solicitamos ás dúas administracións coas competencias na Escola infantil que acondicionen este espazo educativo a través dunha mellora integral ou trasladando a gardería a un local máis amplo e axeitado. Esiximos ao PP que atenda as necesidades que as familias e as traballadores levan demandando dende hai tempo e que nunca foron escoitadas nin polo Alcalde nin pola administración autonómica”.