O Concello ignorou os requisitos para contratación da letrada da Casa da Muller

A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, advertiu que o goberno municipal ignorou a normativa vixente para cubrir o posto de Asesoría Xurídica na Casa da Muller. “Non se fixo convocatoria, utilizouse un sistema cuestionable, e non se esixiu a formación que marca a Xunta para estes centros”, explicou Ferreiro e lembrou “dende o BNG xa vimos advertindo, dende fai tempo, da carencia de persoal neste Centro de Información á Muller e de que non se estaban cubrindo as baixas coa axilidade debida”. 

A persoa que se encargaba da dirección da Casa da Muller e, ao mesmo tempo, da asesoría xurídica iniciou a baixa por enfermidade no mes de outubro do pasado ano e, segundo sinalou a edil do BNG “o goberno tivo tres meses para facer esta contratación de xeito conforme ás normativas que regulan o funcionamento destes centros, e non o fixo”. Xa na comisión de Benestar do mes de novembro de 2018 o BNG presentou unha serie de preguntas e advertiu sobre a situación na que quedaba o cadro de persoal da Casa da Muller.

O Decreto 130/2016 da Xunta de Galicia específica, no apartado 3 do artigo 10, que para este posto haberá que acreditar unha formación de ter realizado polo menos 200 horas de actividades formativas relacionadas coa igualdade de oportunidades, e tamén experiencia no ámbito da violencia de xénero. No caso do concello de Lugo procedeuse á contratación dunha persoa recurrindo a listas de agarda da asesoría xurídica do concello do ano 2008 sen ter en conta a normativa nin a especificidade do posto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com