En Marea pide que se deixe “fóra de disputas de campaña electoral a estación intermodal”

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixiu con carácter urxente unhas preguntas ao Ministerio de Fomento para preguntarlle sobre a súa posición en relación á oposición da Xunta á proposta de Convenio para a Estación Intermodal de Lugo.

“A pesar de estar en tempos de desconto da lexislatura, segue a funcionar un Goberno en funcións e dada a polémica suscitada cunha infraestrutura fundamental para Lugo, desde En Marea consideramos que debe informarse sobre o tema con luz e taquígrafos. Razón pola que demandamos a Ábalos copia da proposta enviada por Fomento á Xunta para a construción da Estación Intermodal e pedimos que se dialogue”, sinala o deputado.

“Explicoulle a Xunta cales son as súa razóns para rexeitar por completo a proposta remitida? Transmitiulle os motivos da súa oposición?”, pregunta a Ábalos.

Para o deputado de En Marea é “unha irresponsabilidade introducir as disputas eleitorais en todo e incluso xogar con dotacións de relevante importancia para Lugo. Non se están a priorizar os intereses de lugueses e luguesas, estáse a “traficar” coa Estación Intermodal en tempos de campaña eleitoral”.

En Marea conminou ás administracións competentes a “sentar, dialogar e acadar un acordo de Protocolo polo ben do futuro da cidade. É a mellor forma de demostrar que se está no lado das políticas construtivas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com