Concello de Ribadeo e Torre

Aprobado definitivamente o PXOM de Ribadeo tras desestimarse cinco contenciosos

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribadeo quedou definitivamente aprobado e consolidado, despois de que o Concello gañase os cinco contenciosos presentados no seu día por outros tantos particulares e empresas contra ese documento. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que se pon así fin a un treito engorroso e que nos vindeiros anos verase como Ribadeo vai cambiando para mellor.

Fernando Suárez explicou que “se ben é certo que foi aprobado administrativamente a finais do 2014, é agora nestas semanas cando podemos dicir que está definitivamente aprobado e consolidado porque dos cinco contenciosos que no seu momento foron presentados contra el, algún plantexaba a caída de todo o planeamento e a consecuente destrución de todo o traballo que tanto tempo e esforzo nos levou”.

O alcalde manifestou, asemade, que o Concello “demostrou diante da xustiza” que os terreos estaban correctamente clasificados. “Foi un treito longo e engorroso, pero cando se queren facer as cousas ben e con humildade finalmente as cousas resultan ben e traen beneficios”, considerou o rexedor.

Suárez Barcia lembrou ademáis que os portavoces de todos os grupos fixeron as súas achegas “honestas e sensatas”, para que isto “poida ser un patrimonio de todos por moitos anos”. Isto, segundo o rexedor, contrasta con outros Concellos que non teñen normas urbanísticas.

O  alcalde sinalou que “a diferenza doutras zonas da Mariña, demostramos en Ribadeo que é posible facer as cousas con xeito, combinando o crecemento sostible coa protección da nosa identidade e do noso patrimonio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com