ACE-EU esixe ao Goberno local alternativas á pasarela do Anxo Carro

A última resolución da Dirección Xeral de Patrimonio, que descarta o proxecto de pasarela sobre a N-VI para cruzar ao Estadio Anxo Carro presentado polo goberno de Lara Méndez, polo seu impacto sobre o territorio histórico do Camiño Primitivo, confirma as advertencias de ACE-EU, que alertou xa en maio do ano pasado de que o goberno local non tivo en conta en ningún momento no prantexamento dos proxectos da Estratexia DUSI que tódalas intervencións propostas se atopan dentro do ámbito de territorio histórico do Camiño Primitivo.

Esta área está catalogada como BIC (Ben de Interese Cultural) segundo o que dita a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia; polo tanto, no deseño de tódolos proxectos se debería ter priorizado a especial protección da mesma. “Nin na elaboración xeral do Plan Muramiñae realizado pola consultora PriceWaterHouseCooper`s nin nos estudos de viabilidade dos proxectos encargados á empresa INCA se contemplou a correcta conservación do territorio histórico do Camiño Primitivo, polo que o goberno leva dende o primeiro momento malgastando tempo e recursos municipais e arriscando as subvencións europeas”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. Este grupo leva meses pedindo que se reconduza todo o prantexamento das iniciativas enmarcadas dentro deste plan para conectar a contorna urbana coa fluvial, coa finalidade de cumprir os requisitos de conservación patrimonial.

“A alcaldesa preferiu desoír as advertencias e chegou a licitar a obra sen agardar sequera as autorizacións da Consellería de Cultura e o Ministerio de Fomento, nunha reiterada actitude temeraria que compromete os cartos públicos en aras do electoralismo”.

ACE-EU insiste en que o goberno local debe desistir de construír esta obra desproporcionada, que se concluíu xa innecesaria no estudo de viabilidade previo por ser redundante e de maior distancia que os itinerarios xa existentes para cruzar a N-VI, e esixe que se traballe en solucións alternativas. “Ningunha solución para o cruce seguro neste punto da N-VI pode supoñer a introdución de ningún novo artefacto con significativa presenza na paisaxe, senón que debería consistir na mellora das condicións, a nivel ou baixo rasante, dun viario non tradicional como é esta estrada nacional, co obxectivo de non interferir na percepción e apreciación do territorio histórico do Camiño Primitivo dende o trazado do propio Camiño”, remarca o concelleiro Carlos Portomeñe. “De persistir a alcaldesa na súa decisión de construír esta pasarela resultaría tanto un gasto excesivo e inútil que alcanzaría o millón de euros como un atentado a sabendas contra un Patrimonio da Humanidade”.

Este grupo municipal lembra que o goberno local xa debería ter sido responsable e renunciado a este proxecto de pasarela en setembro do ano pasado, cando Patrimonio desautorizou a construción dun novo carril dirección A Coruña na Volta da Viña salientando que “no territorio histórico do Camiño as infraestruturas e máxime ao pé da gran arteria fluvial que é o río Miño, deben deseñarse con criterios de integración paisaxística onde zonas verdes intercaladas contribúen a manter os valores propios dun espazo protexido como Patrimonio Mundial”. ACE-EU xa presentou hai tempo ao goberno local distintas opcións alternativas á pasarela ao Anxo Carro que solicita que sexa valoradas exhaustivamente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com