A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai acometer este ano melloras en dúas das estradas autonómicas que vertebran o municipio de Baleira, actuacións ás que destina un investimento de 314.600 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe no municipio os proxectos de mellora da LU-710 e da LU-750, ambas conexións fundamentais para a capitalidade do Cádavo, e destacou que inclúen a reparación integral da travesía desta localidade cun orzamento de máis de 88.000 euros.
Balseiro explicou que estas vías conectan Baleira con Pol e Meira por un lado (LU-750), e con Baralla e a autovía A-6 por outro (LU-710). En concreto, os proxectos sinalados supoñen un investimento de 139.400 euros en Baleira, 83.200 euros en Baralla, 74.000 euros en Pol e 18.000 en Meira.
A Axencia Galega de Infraestruturas licitará e adxudicará as obras nos vindeiros meses coa previsión de que estean rematadas este mesmo ano.
Na LU-750 invístense 180.300 euros para a execución de melloras en 16,2 quilómetros entre Rioxoán (Pol) e o remate no Cádavo. Os traballos consistirán na realización de fresados localizados nos treitos nos que o firme se atope máis deteriorado e a reposición con mestura bituminosa a carril completo. Non obstante, nos case 400 metros de travesía urbana do Cádavo a actuación será completa e incluirá a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a lonxitude.
Polo que respecta á estrada LU-710, implica un investimento de 134.300 euros para traballos de mellora en preto de 12 quilómetros entre O Cádavo e o enlace coa A-6 en Baralla. Neste caso tamén se procederá á execución de fresados localizados e a reposición con mestura bituminosa a carril completo.
O delegado afirmou que a Xunta “continúa mellorando as infraestruturas viarias no rural, e moi en concreto nas zonas de montaña, que precisamente pola súa especial situación precisan aínda más dunhas comunicacións modernas e seguras”.