Tras días de reclamacións, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avanzou hoxe que Lugo no terá un novo xulgado do Social, aínda que sí que “haberá un xulgado do social en Santiago de Compostela”. A proposta definitiva do Ministerio de Xustiza inclúe o da capital galega en relación “ás cargas de traballo e de acordo co que piden as comunidades autónomas e o Consello Xeral do Poder Xudicial”.
O novo xulgado do social para Lugo era unha reclamación que viñan apoiando tanto os grupos municipais, como os provinciais, a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que hoxe tivo numerosas reaccións negativas.
Reaccións municipais
Ante esta nova, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou que remitirá esta mesma tarde á Ministra de Xustiza, Dolores Delgado, unha carta para demandarlle unha reunión urxente e inmediata co fin de explicarlle de primeira man as circunstancias que determinan que resulta prioritario e imprescindible a creación dun cuarto xulgado do social en Lugo co obxectivo de que o departamento ministerial revoque a denegación da unidade xudicial.
Tal e como lembrou a Alcaldesa, todos os datos obxectivos avalan a creación dunha nova sala do social en beneficio da cidadanía xa que cada un dos Xulgados actuais recibe unha media de 1.150 asuntos anuais, o que significa unha sobrecarga de traballo superior ao 145%, situación que afecta a máis de 4.000 lucenses. Así o entendeu tamén a Comisión Mixta de Xustiza de Galicia, que presentou esta petición como prioritaria ante o Ministerio de Xustiza.
Pola súa banda, os populares do Concello, encabezados por Antonio Ameijide, lamentaron o “pouco peso político” de Lara Méndez no seu partido tras “se demostrar” que Pedro Sánchez “ningunea a Lugo”. Os populares aseguran que esta situación “non se entende” xa que os custes da creación deste novo xulgado do Social en Lugo os asumiría a Xunta de Galicia, polo que a única explicación, para o PP, a que o PSOE negue a creación dun novo xulgado do Social en Lugo é “o ninguneo” de Pedro Sánchez á alcaldesa e o “desprezo” do goberno do PSOE a Lugo.
Reaccións provinciais
Neste senso, o Pleno da Deputación celebrado esta mañá aprobou por unanimidade unha proposta esixindo ao Ministerio de Xustiza a dotación dun novo Xulgado do social para a provincia de Lugo. O voceiro do goberno, Álvaro Santos Ramos, destacou que “seguimos recriminando con contundencia ao Goberno de España que non conceda un novo Xulgado do Social á provincia de Lugo. Nós seguimos na mesma posición e consideramos equivocada e errónea a decisión de non concederlle outro Xulgado do Social a Lugo”.
O socialista avanzou ademáis que “imos dicirlle aos nosos compañeiros do Goberno do Estado que se equivocan e que non respaldamos a súa decisión”, e resaltou a necesidade de que en Lugo haxa un novo Xulgado do Social.