A agrupación socialista de Cervo denuncia que unha ducia de veciños da localidade permanecen incomunicados pola lentitude dunhas obras acometidas. O Voceiro do PSOE, Francisco Mon, explicou que “os residentes das rúas da Aldea, Calabadexo e a Praza do Souto trasladáronnos o seu malestar ante a situación que levan vivindo durante 4 meses polo retraso das actuacións nestas rúas de Cervo”.
O PSOE censurou que o Goberno Municipal, ao parecer, tivera previsto facer estas obras en dúas fases para que os residentes tiveran unha vía de acceso e saída “pero ao Alcalde parece que lle entraron as présas ante a proximidade dunhas eleccións municipais e decidiu facer os traballos á vez para telas listas canto antes, a pesar de que os veciños levaban máis de 4 anos demandando ditas obras”.
Os socialistas advertiron que estes veciños están sufrindo un prexuízo moi grave porque ante situacións de emerxencia, como pode ser un incendio ou unha complicación médica, os profesionais non poden acceder as rúas, tendo que desprazar todo o material necesario, a man, uns 400 metros. “Hai uns días unha veciña sufriu un grave prexuízo por ter que agardar máis tempo do necesario para ser reanimada porque os facultativos da ambulancia non puideron entrar co vehículo”.
Francisco Mon subliñou que “entendemos que cando se realizan unhas obras sempre hai incomodidades pero o Concello debe tentar minimizalas para que os cidadáns non vexan diminuídos os seus dereitos. E neste caso, o PP non está cumprindo pois os veciños que viven nas rúas da Aldea, Calabadexo e a Praza do Souto vénse prexudicados posto que, incluso, os servizos de emerxencia non os teñen garantidos ao dificultar o seu traballo”.
“Isto responde a unha total falta de previsión e de organización do Partido Popular. Esiximos ao señor Villares que atenda, por unha vez, as necesidades dos veciños e deixe os seus intereses partidistas a un lado.” salientou o voceiro socialista.