O Pleno da Deputación vén de aprobar as bases do Plan Único 2019 que inxectará 21 millóns nos 67 Concellos da provincia. Un Plan similar ao aprobado nas outras anualidades desta lexislatura e para o cal, os socialistas pedían o apoio “unánime” dos deputados provinciais para demostrar, dixo o vicepresidente do executivo, “que son capaces de gobernar entre todos”.
Unha petición que non foi escoitada e atendida por todos os presentes, así, o deputado non adscrito, Manuel Martínez, asegurou votar en contra do Plan Único por “coherencia” coas súas actuacións despois de lembrar que ten en marcha un recurso contra os presupostos e “non podería darlle o meu apoio a ningunha actuación que emane dos mesmos”.
Plan Único
Á entrada do Pleno o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, detallou que “coas tres pasadas anualidades, levamos 52 millóns aos 67 Concellos con esta programación. Este investimento permitiu executar máis de 900 obras en estradas, rúas, traídas de augas, instalacións deportivas, culturais…, ofrecer 600.000 horas de atención profesional a 2.500 maiores co SAF Básico ou contribuír á celebración duns 4.000 eventos turísticos, deportivos ou culturais no conxunto do territorio lugués”.
Segundo as bases, os Concellos destinarán como mínimo o 50% dos fondos que lle corresponden a novos investimentos. Isto supón que cando menos 10,5 millóns serán para este fin, investimento que todos os anos os municipios deciden incrementar. Outro mínimo de 1,5 millóns é para o financiamento do SAF Básico ou Servizo a Domicilio a persoas non dependentes. Os Concellos tamén poden aumentar este orzamento, atendo ás necesidades dos maiores.
Outras mocións
Asemade, o pleno aprobou, por unanimidade, a proposta do Executivo Provincial para dotar de máis efectivos á Comisaría Provincial de Lugo e, polo tanto, reclamar á Dirección Xeral de Policía, dependente do Ministerio do Interior, unha dotación de persoal acorde ao catálogo para a Policía Nacional, coa incorporación, canto menos, de 10 Policías, 2 Oficiais e 5 Subinspectores.
O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, explicou que “traemos ao Pleno esta moción visto que no borrador do ‘Concurso Xeral de Méritos 2019’, exposto pola Dirección Xeral da Policía, non se asigna ningunha das 133 prazas previstas para Galicia á Comisaría Provincial de Lugo”.
Tamén logrou a unanimidade unha proposta do equipo de Goberno esixindo ao Ministerio de Xustiza a dotación dun novo Xulgado do social para a provincia de Lugo.
Outras mocións que saíron aprobadas, a pesares de non obter a unanimidade, foron as dúas presentadas polo BNG, nas que pedían á Deputación esixir responsabilidades sobre os incumprimentos dos contratos por parte das empresas adxudicatarias do Consorcio de Bombeiros; e a recuperación da xestión pública do servizo de rutas fluviais da Deputación así como a investigación do funcionamento do servizo na pasada anualidade.
Pola súa banda, o PP conseguiu o apoio do deputado non adscrito na súa proposta de combater a ocupación ilegal de vivendas que obtivo os votos en contra de PSOE e BNG. Outra moción que rexeitou o pleno foi a presentada polos socialistas para rexeitar a supresión de titulacións do Campus Terra.