O condutor dun turismo faleceu en Vilalba despois de chocar o seu vehículo contra un camión frigorífico, ao paso pola parroquia lucense de San Salvador de Ladra.
Poucos minutos antes das 13:00 horas da tarde de hoxe, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia foron informados dun accidente grave na LU-541, á altura do punto quilométrico 10. Segundo informou 112 Galicia, tras a colisión, o turismo quedou visiblemente danado e os ocupantes de ambos vehículos encontrábanse atrapados.
De inmediato, desde o 112, pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vilalba, á Guarda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos voluntarios de Protección Civil da localidade e tamén ao servizo de mantemento da estrada.
Nada mais chegar ao punto, os servizos sanitarios de urxencia confirmaron que o condutor do coche estaba falecido. Igualmente, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Vilalba para realizar as labores de excarceración e liberar as dúas vítimas do sinistro, isto é, o ocupante falecido do turismo e o condutor do camión, que foi atendido no punto sen a necesidade de traslado.