Comezan as obras do primeiro Centro de Día de autismo da provincia

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, xunto á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo supervisaron o inicio das obras de construción do que será o primeiro centro de día de autismo da provincia. A Deputación cede á Asociación Raiolas o local da gardería do Campus de Lugo, de xeito gratuíto, e financia cunha achega económica de 111.500 euros a execución das obras que permitirán convertelo no primeiro centro destas características na provincia de Lugo.

Os traballos de acondicionamento e adecuación do edificio teñen unha previsión de tres meses e serán uns 15 usuarios que padecen algún tipo de Trastorno do Espectro Autista, os que recibirán neste centro atención de psicopedagoxía ou terapia ocupacional, sen necesidade de desprazarse a outra cidade.

Santos Ramos sinalou que “dende o Goberno da Deputación atendemos á demanda de Raiolas e coa cesión deste local e a execución destas obras, facemos realidade un proxecto moi ambicioso, polo que levamos tempo loitando, como é a creación do primeiro centro de día para usuarios que padecen Trastorno do Espectro Autista, na provincia. Como mostra de que somos unha Deputación sumamente social, rural e coas persoas, cedemos o local da antiga gardería no Campus, de xeito gratuíto a Raiolas para que, uns 15 usuarios, poidan beneficiarse dunha actividade máis individualizada e relacionada coa natureza grazas á situación do futuro Centro de Día”.

Pola súa banda, López Izquierdo sinalou que “coa creación deste espazo, damos resposta a unha necesidade latente na provincia de Lugo, ofrecemos, as persoas que padecen este trastorno, un centro de atención particular e efectiva na súa propia cidade. A día de hoxe non hai un local destas características na provincia, o que supón tamén un alivio para as familias”.

Os traballos de adecuación, acondicionamento e mellora do edificio comezarán nos vindeiros días e previsiblemente estarán rematados no mes de xuño. Este centro de día acollerá a un máximo de 15 adultos, maiores de 18 anos, con grave afectación do Transtorno do Espectro Autista. Os usuarios recibirán atención especializada de terapia psicopedagóxica, terapia ocupacional, logopedia ou actividades que os preparen para a vida en sociedade e a vida laboral. Ademais a localización do edificio supón un incentivo máis, pois é un entorno idóneo que permitirá, aos usuarios, realizar actividades no exterior, visitas, excursións, sesións relacionadas coa natureza ou o contacto cos universitarios dado á proximidade do centro ás Facultades Universitarias e á Biblioteca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com