Vilalba Aberta ven de facer pública a súa última iniciativa, a defender no vindeiro e derradeiro Pleno Ordinario da lexislatura. Unha nova proposta aos grupos con representación municipal, co obxectivo de que a Corporación demande da Xunta de Galicia a “reelaboración das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo ou xabaril”.
Dende a formación trasladan que, tanto a relativa a axudas por danos como a liña destinada á prevención, están a provocar un “importante estado de indignación entre os gandeiros e agricultores das parroquias”. A este respecto, cualifican de “insuficiente” o límite de 1.650 € de indemnización máxima, definindo as anteditas ordes coma “a cortina de fume da Xunta para non tomar exemplo doutras comunidades e valorar con seriedade os danos, incluíndo o lucro cesante, así coma a necesidade de pagar en tempo e evitar as actuais demoras de ata dous anos”.
Neste senso, critican a inclusión de requisitos tales coma a obriga de “comunicar os ataques nun prazo máximo de 72 horas” e fan referencia á posibilidade dun produtor que teña un número importante de hectáreas de cultivo repartidas en varias fincas separadas, “terían que facerse visitas todos os días para comprobar se se sufriu algún ataque?”, pregúntanse dende Vilalba Aberta.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, lembrando ademais a problemática engadida para os gandeiros que supón “ter que dar unha interminable listaxe de datos e ter que volver repetilos cada vez que se produce un novo incidente na mesma finca ou explotación”.
Así mesmo, e no que ten que ver coa problemática co xabaril, Renda exemplificou a necesidade de rectificación no feito de que “as explotacións de horta profesionais non están cubertas porque as ordes inclúen como requisito que reciban axudas da PAC e este tipo de actividade queda excluída deses fondos.” A este respecto, outra incoherencia á que se fai referencia dende Vilalba Aberta é a da arbitrariedade dos cultivos que poden ser indemnizados.
Por último, a formación pretende, de novo, denunciar a situación que vive un gandeiro ou un agricultor que queira pedir axuda telefónica á Xunta despois de sufrir un ataque. “No mellor dos casos, só consigue falar coa administración logo dunha longa enumeración de posibilidades cos correspondentes números a marcar, algo desesperante para quen precisa comunicar a urxencia”, lembraba un Modesto Renda, que non quixo deixar pasar a ocasión para invitar ao Alcalde a “falar directamente e escoitar a realidade dos veciños afectados”.
“A veciñanza das parroquias demanda unha posición común da Corporación Municipal, ao respecto da problemática coa fauna salvaxe e diante dunhas ordes totalmente afastadas da realidade que pretenden corrixir. Neste senso nos pronunciaremos no Pleno.” sentenciou.