O pasado venres, día 1 de marzo, deu comezo a nova campaña de visitas á Cova do Rei Cintolo do presente ano 2019. Hai visitas de fin de semana os venres, sábados e domingos ás 12 horas e ás 17 horas. A partir do mes de abril rexerá o horario de verán, polo que haberá unha nova quenda ás 18:30 horas.
Na ponte de San Xosé, en marzo, será posible visitar a cova tamén o luns 18 e o martes 19 e durante a Semana Santa, xa no mes de abril, poderase visitar a cavidade todos os días da semana.
Asemade, en todas as pontes e días festivos do ano será posible visitar a cova e, durante os meses de verán, as visitas serán nas tres quendas indicadas todos os días da semana (de luns a domingo).
O pasado ano visitaron a cova 2.093 persoas, o que supón os mellores resultados dende que está aberta ao público, no ano 2006. En 2014 o rexistro foi de 546 persoas, de maneira que o incremento no número de acceso á cavidade a partir de entón ten sido “moi significativo”.
Desde o Goberno local recordan que as visitas guiadas se fan a unha cova en estado natural -polo que se solicita un estado físico e mobilidade normal- a través dun percorrido atractivo, nunha contorna segura. O percorrido, duns 300 metros , realizase polo Sector Central nun tempo estimado dunha hora e quince minutos. Proporciónase casco con iluminación, luvas e un mono de celulosa e é preciso levar calzado pechado con fondo de goma para evitar esvaróns.
As visitas son sempre guiadas en grupos reducidos e a idade mínima son 12 anos. Os grupos oscilan entre 4 persoas de mínimo e 10 de máximo. O punto de encontro do grupo e o guía é a Oficina Municipal de Turismo, situada nun edificio próximo á Catedral, 45 minutos antes das horas de visita establecidas en cada temporada. O traslado dende alí ata á cova debe facelo cada visitante ou grupo polos seus propios medios.
O custo é de 15 euros por persoa. Para máis información e reservas o Goberno local pon a disposición o teléfono 982 50 71 77.