A Consellería de Cultura e Turismo asegura que non existe constancia da solicitude de Adif para autorizar as obras de remodelación da ponte da Chanca, na cidade de Lugo, dirixidas a facer compatible esta infraestrutura co paso de trens de alta velocidade.
A administración autonómica sae así ao paso das informacións publicadas no día de hoxe nas que desde Adif se aseguraba que os traballos de acondicionamento da ponte estaban pendentes do permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que depende da Consellería de Cultura e Turismo.
“Non hai constancia de ningún tipo de solicitude, nin nos servizos provincias, nin nos servizos centrais en Santiago, polo que non é posible emitir ningún informe. A Xunta, a día de hoxe, non ten, polo tanto, ningún trámite pendente en relación con esta obra”
Desde a administración autonómica si aclaran que a autorización de Patrimonio Cultural é preceptiva e debe figurar con carácter previo á realización de calquera tipo de obra tendo en conta que a ponte da Chanca é un ben de alto valor histórico e artístico e está emprazada polo contorno de protección da ruta primitiva do Camiño de Santiago.
“Con todo, -insiste- a Xunta non pode pronunciarse sobre a obra proxectada por Adif porque simplemente non temos constancia formal da súa existencia, máis aló dos anuncios que Fomento fixo na prensa”-di o delgado.