Vilalba Aberta denuncia “opacidade” e “falta de seriedade” no proceso de aprobación dos Orzamentos

As reaccións ao anuncio do Alcalde de Vilalba, relativo á previsión municipal dun Pleno Extraordinario de aprobación dos Orzamentos para esta semana, non se fixeron agardar. E foi Vilalba Aberta, e a través dun comunicado á prensa, a primeira en pronunciarse. Denuncian a “absoluta falta de planificación” e critican que se pretenda aprobar “o instrumento político máis importante do municipio” pola vía rápida, sen un procedemento serio de negociación e de presentación de emendas e por medio dun pleno “improvisado”, cuxa posible data, lembran, os grupos municipais coñeceron a través dos medios de comunicación.

Unha mostra máis da “falta de seriedade e rigor” – sosteñen – que se deriva da “caótica xestión” do Partido Popular no Concello de Vilalba, ademais dun “intolerable desprezo” – engaden – á veciñanza que en 2015 optou por confiarlle o seu voto ás diferentes forzas da oposición municipal.

En palabras do seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, o xeito de facer do Goberno Municipal “non fai máis que reafirmar a fuxida cara adiante dun PP, que chega ao nivel de vender un show; de goberno exemplar, cando en realidade nin tan sequera compre cos mínimos esixibles en canto ao dereito á información dos Grupos Municipais e da veciñanza que a solicita.”

Na mesma liña, cualificou de “gravísimo” que nin tan sequera lles facilitara a documentación de referencia”, o cal,- explicou – “ademais de limitar a capacidade efectiva da oposición para realizar e cumprir coa súa labor de fiscalización e control, atenta directamente contra a democracia municipal e o dereito dos veciños/as de estar informados puntualmente do que se fai co seu diñeiro.” A este respecto non descartou que, do mesmo xeito que en 2016, dende Vilalba Aberta se proceda á convocatoria dunha serie de accións de protesta, coincidindo coa celebración da sesión extraordinaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com