A Asociación Lugo Monumental lembrou esta mañá que os monumentos lucenses continúan a estar desprotexidos fronte aos vándalos xa que, segundo recorda a asociación, a instalación de cámaras de vixianza en determinados lugares onde houbo problemas de gravidade segue sen levarse a cabo a pesar de ser proposta do propio Goberno local.
A asociación lamenta que os lucenses pagasen tantos cartos pola restauración e o mantemento dos bens patrimoniais e considera a súa protección unha obriga da administración que está faltando “gravemente” a este deber. As ferraxes medievais da Catedral de Lugo é un dos exemplos que pon este colectivo de empresarios, que asegura que continúan a deteriorarse “polo incívico orín de quen, noite tras noite, fai as súas necesidades na fachada norte do templo”.