A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, e o secretario provincial de Cruz Vermella Española, José Luis Fernández Armesto, mantiveron hoxe unha reunión de traballo na que acordaron potenciar o sistema de localización de persoas LoPe. A rexedora avanza que o sistema “funcionará de maneira inmediata para quen o precise ou demande de xeito completamente gratuíto”.
LoPe é un servizo para familiares e coidadores de persoas con deterioro cognitivo leve ou discapacidade. Posibilita a permanencia da persoa no seu contorno familiar e facilita a labor do coidador ou coidadora habitual. No caso de necesidade proporciona atención inmediata a través dun xeolocalización por dispositivo GPS.
En concreto o servizo baséase na utilización dun dispositivo que permite a localización das persoas con deterioro cognitivo leve nos seus desprazamentos fóra do domicilio. O familiar ou coidador será o encargado de poñer e retirar o dispositivo que, cargado e prendido, envía de forma automática a posición cada tres minutos. As persoas usuarias limítanse a levar o dispositivo cando saen do seu domicilio e son os familiares e coidadores os que acceden ás localizacións.