Socialistas e veciños do Concello do Saviñao están en contra de que o campo da Lama sexa a localización para o novo centro de saúde do Saviñao. Así o informou o voceiro do PSOE, Celestino Rodríguez, que lamentou que “o PP no Concello e na Xunta de Galicia non tivera en conta a opinión da maioría de veciños que prefiren renovar as instalacións do actual ambulatorio”. Fixo esta valoración tras coñecerse que o Sergas adxudicou esta semana a construción do edificio en Escairón.
Celestino Rodríguez explicou que actualmente o terreo onde o Partido Popular prevé situar o novo centro de saúde, o campo da Lama, está destinado a usos deportivos, polo que a construción do inmoble obrigaría a reducir o parque saudable e o platanar da contorna, “rompendo o urbanismo de Escairón e un dos centros de esparexemento e lecer dos veciños”.
O voceiro municipal apuntou que non resulta aconsellable desenvolver dito proxecto nese emprazamento porque a zona é propicia a contar con encharcamentos posto que aí nace o río Pesqueiras, “formándose nos meses de inverno lagoas”. Ademais, o socialista advertiu da distancia das farmacias e dos problemas de estacionamento que haberá ao estar situado o centro de saúde ao carón do colexio.
Celestino Rodríguez informou que os socialistas presentaron varias iniciativas no Pleno do Concello propoñendo a rehabilitación do centro de saúde pero foron rexeitadas polo PP e o BNG. “Consideramos que é máis razoable renovar as instalacións do actual ambulatorio que investir nun novo centro que non conta co apoio dos veciños pero a Xunta de Galicia do PP non lle importa a opinión dos cidadáns”.
O voceiro subliñou que de non ser posible realizar os traballos de acondicionamento existen enclaves mellores para situar o novo centro de saúde como o edificio de sindicatos ou a finca do “Larsa”, esta última propiedade de Suplusa.