O Concello de Lugo acaba de aprobar a contratación á empresa Calcugal S.L. do estudo de viabilidade, deseño e anteproxecto das termas ou piscinas de auga quente non medicinal por xeotermia, caldas que se localizarán na contorna do río Miño. A contratación faise a través dun contrato menor, de 17.484 euros (IVE incluído).
A acción, que se desenvolve a través da estratexia europea DUSI e dos fondos FEDER, enmárcase entre os obxectivos de mellora do medio ambiente e da promoción dos recursos naturais do programa Muramiñae, impulsado polo Concello para acadar unha maior integración da cidade e o río.
As piscinas, que serán de acceso público, non afectarán ao caudal do Miño xa que as augas que se utilizarán serán da traída. Ademais, o anteproxecto será o máis integrador posible coa contorna na busca do menor impacto ambiental e paisaxístico posible.
Con esta acción, ademais de revitalizar a contorna do río, increméntanse os recursos destinados ao ocio dos lucenses, pero tamén se engade un atractivo máis a oferta turística da cidade vinculada ao seu pasado romano xa que os baños públicos formaban parte do seu modo de vida.