Ata o inicio do Arde Lvcvs MMXIX quedan 90 días, pero entretanto Lugo será o escenario cultural ideal para acoller máis de medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, o Arde Lvcvs Cvltvral, que animarán á cidade ata a celebración da festa, os días 14, 15 e 16 de xuño. Para elo, o Concello e as 17 asociacións de recreación histórica de Lugo organizaron unha coidada programación gratuíta que ofrecerán á cidadanía dende cine arqueolóxico a catas, pasando por conferencias, paseos pola cidade, ou obradoiros, entre outros. Trátase pois, de continuar traballando por dar a coñecer a historia de Lugo.
As actividades arrincan hoxe mesmo cunha exposición da evolución da armatura do retiario na Porta Miñá, que poderá verse ata o 16 de xuño, e co III Adestramento Nacional de Gladiatura, que por primeira vez se celebrará en Lugo, ao longo desta fin de semana. Inclúe unha charla sobre a evolución da armatura do retiario, outra sobre a tipoloxía e técnicas de loita gladiatoria segundo as fontes históricas, e unha última sobre a historia de Borea, o gladiator hispano. Tamén contempla unha mesa redonda sobre regras, armas e materiais das loitas nas representacións.
Entre as novidades da programación están as Catas con Baco, que se celebrarán o 28 de marzo e o 4, 11 e 25 de abril, a cargo de Isabel Lozano Verdes. Serán ás 20:00 horas no Vello Cárcere. Hai 20 prazas para cada unha das citas.
Por segundo ano consecutivo, Paulo Fabio Máximo e o Liberto Jávicus guiarán distintos percorridos pola cidade, en concreto pola Muralla, polas Termas Romanas, polo acueducto e polos xacementos arqueolóxicos. Haberá unha ruta por mes, o 23 de marzo, o 6 de abril, o 4 de maio e o 8 de xuño. A saída é as 17:00 horas, dende o miliario da Praza de Armañá, salvo a do 4 de maio, que ten como punto de saída a Praza da Milagrosa.
Volve celebrarse tamén un ciclo de cine arqueolóxico, a primeira semana de maio, os días 2, 3 e 4, a partir das 20:00 horas no Vello Cárcere. As persoas asistentes poderán gozar cos filmes Enxeñería romana: Acueductos II, O enigma da tumba celta e O harén do faraón Sol.
As conferencias da Cohors III Lucensium cumpren 10 anos nesta edición. Para conmemoralo prepararon 9 charlas e un concerto, entre o venres, 31 de maio e o mércores 12 de xuño, todas elas ás 20:00 horas no Vello Cárcere. O historiador Felipe Arias, o catedrático de xeografía Rubén Camilo Lois, o arqueólogo municipal Enrique González, o arqueólogo Iván álvarez, a Directora do Museo Privincial de Lugo, Aurelia Balseiro, os arqueólogos Enrique Alkorta e Ceslo Rodríguez, a escritora Ana Mar Fraga, a licenciada en dereito Beatriz Pelayo, o escritor Daniel Cuadrado e o arqueólogo Marco Almansa serán os encargados de dirixir os distintos relatorios que versarán sobre temas tan diversos como o Templo de mitra, o código militar romano, a cerámica romana ou a minfería romana, entre outros. Pechará esta programación o concerto de Abraham Cupeiro.
Como vén sendo habitual, o Arde Lvcvs Cvltvral engloba diversos obradoiros. O primeiro deles terá lugar mañá sábado, 16 de marzo, no MIHL, de 17:00 a 19:30 horas; coa asociación Ara Roma. Esta mesma asociación tamén dirixe outro taller o día 23 de marzo, no Museo de San Roque, de 11:30 a 13:30 horas, co obxecto de realizar velas, para logo usalas en ofrendas.
O último sábado do mes, o 30 de marzo, volverá celebrarse a Festa Beltayne, con xogos galaicos, pintado de caras con pictos galaicos ou representación de vodas celtas. Será das 16:30 ás 20:00 horas, na Praza Horta do Seminario, e participarán as asociacións Mercenarios Galaicos, Trebas Galaicas, Clan de Breogán, Lugdunum e Civitas Lucensis.
En abril arrincará un obradoiro de teatro clásico de mitoloxía e un taller para facer vestimenta romana ou castrexa. Tamén habéra un obradoiro de escritura romana impartido por Pax Romana, o día 6, das 16:30 ás 20:30 horas no Mercado Municipal; un obradoiro sobre O mito da medusa, o día 13, das 17:00 ás 19:00 horas no Museo de San Roque, obradoiros de tambores na Casa da Xuventude todos os sábados dende o 13 de abril ao 8 de xuño e un taller sobre xogos, o dia 27 no MIHL, das 11:00 ás 13:30 horas, con Salesiani Luci Augusti.
Así mesmo, haberá unha busca do tesouro, o 27 de abril, con Asemblearias de Lucus Augusti no MIHL, tanto en xornada de mañá como de tarde, e disputarase a final dos xogos romanos de taboleiro, na Casa da Xuventude, o domingo 28.
O primeiro sábado de maio, Lucus Equites organiza unha escola de lexionarios para nenas e nenos, tanto en xornada de mañá como de tarde, no fondo da Praza Maior. Ese mesmo día, á 18:00 horas, celebrarase o desfile de moda romana e castrexa. Ao día seguinte, Terra Copora falará sobre o mundo castrexo no Museo de San Roque, das 11:30 ás 13:30 horas e das 17:00 ás 19:00 horas.
A seguinte fin de semana, o sábado 11, haberá unha actuación teatral: Minotaurus Vulgaris, con Lucecús teatro, ás 20:00 horas no Vello Cárcere. Ás 22:00 horas celebrarse unha cea de confraternidade, Convivium, para 80 persoas. Ademais do 11 ao 17, a Garda Pretoriana amosará unha maqueta de Lugo no s.IV d.c no Vello Cárcere. Como os últimos días 17 de maio, os soportais da Praza Maior acollerán a degustación e venda de pan romano, das 11:30 ás 14:00 horas. O mes rematará cunha charla sobre A medicina despois das loitas na Gallaecia, a cargo de Miguel Alvelo, ás 20:00 horas o 25 de maio no Balneario de Lugo.
Previamente, ás 16:00 horas na Ponte Romana, Tir Na N`og ofrecerá unha xornada de cultura gastronómica da época castrexa. Saleciani Luci Augusti tamén inaugurará a finais do mes a súa exposición de teatro de comedia e traxedia romana, no salón de actos do colexio Divina Pastora.
Xa a primeiros de xuño, o sábado 8, o Senatus Lucus Augusti interpretará A conxura Senatorial, ás 19:00 horas no Balneario de Lugo. E ás portas do inicio da Festa de Interese Turístico Nacional, concretamente o xoves 13, presentarase o documental Peplum, ás 19:00 horas no Vello Cárcere, sobre as películas históricas rodadas en España. Estará presente o seu director, Eugenio Rodríguez Rego.