O BNG levará ao Pleno da Corporación unha proposición “para que sexa o Concello de Lugo quen lidere unha iniciativa para que as policías locais teñan unha estrutura a nivel galego que se encargue da xestión das diferentes policías locais e cree un marco estatutario para o seu funcionamento”. Para o voceiro do BNG “é necesario que as policías locais teñan regulado o seu funcionamento, condicións laborais, dereitos e obrigas e que o escalafón de mando esté regulado máis alá dos propios concellos”.
Arroxo sinalou “non pretendemos interferir na autonomía das entidades locais, mais entendemos que hai que empezar a estudar solucións para atallar problemas que se están a dar en moitas vilas e cidades galegas”. O BNG levará unha proposición ao Pleno para que o concello de Lugo inste ás institucións implicadas a iniciar unha adaptación da Lei 8/2007, de Policía de Galicia, que serva para ordenar as policías locais e garantir o seu correcto funcionamento.
Rubén Arroxo puxo como exemplo as probas de acceso ás prazas de policía local en diferentes concellos e que xa se están a facer dende a Academia Galega de Seguridade “este é un exemplo de que se poden crear órganos de carácter supramunicipal que se encargen de ordenar diversos aspectos que hoxe non están suficentemente regulados nas policías locais e que están provocando conflictos de xeito reiterado no concello de Lugo e noutros concellos”. Arroxo sinalou “na necesidade de crear unha policía galega propia e que as policías locais se enmarquen nunha estrutura e teñan un marco estatutario común para evitar disfuncións como as que se están a ver”.
No artigo 21 da Lei 8/2007, de Policía de Galicia xa está prevista a creación dunha Comisión Galega de Seguridade, como órgano de encontro e intercambio de ideas o experiencias na ordee a favorecer a coherencia nas actuacións ds diversas entidades e instituciones implicadas e afectadas pola política de seguridade. E, segundo Arroxo, este podería ser o órgano que regulase a xestión e funcionamento das policías locais asi como a súa futura posible integración nunha policía galega. Arroxo adiantou que “proporemos que o concello de Lugo inste ao Goberno da Xunta, á FEGAMP e ao Goberno do Estado a iniciar este proceso tan necesario para os concellos galegos”.