A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Ribadeo reuniranse esta semana co Goberno central para trasladarlle as conclusións do estudo xeotécnico e xeolóxico sobre o monumento natural de As Catedrais e esixirlle que acometa a sinalización das zonas máis sensibles a posibles desprendementos antes da próxima Semana Santa, co fin de garantir a seguridade de todas as persoas que visiten este espazo. Así o adiantou esta mañá en Lugo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita á aula da natureza de O Veral para manter unha xuntanza de coordinación con axentes medioambientais e técnicos desta zona.
Concretamente, a directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Ana María Oñoro, reunirase en Madrid o mércores 20 de marzo con Belén do Campo, quen solicitou esta xuntanza tras recibir o informe definitivo elaborado pola Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia. No encontro tamén participará a través de videoconferencia o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
Cómpre lembrar que o obxectivo deste estudo, encargado pola Xunta despois do accidente ocorrido na Semana Santa de 2018, era coñecer con precisión o estado do monumento natural e facer unha completa caracterización dos seus espazos, tanto da praia como das furnas, cantís e demais elementos que o integran, co fin de poder establecer unha serie de recomendacións sobre a futura xestión desta zona.
A solución finalmente proposta polo equipo redactor para reforzar a seguridade durante as visitas ao monumento inclúe a adopción dunha serie de medidas e intervencións sobre a praia, os accesos á mesma e tamén na senda habilitada para os peóns que percorre a beira do cantil.
Así, á vista dos resultados da cartografía de riscos realizada sobre o terreo, o informe recomenda, entre outras cuestións, reforzar a sinalización e mesmo o impacto das mensaxes referidas a aqueles tramos e elementos naturais nos que a probabilidade de caída de material é alta ou moi alta. Este incremento da cartelaría na que se advirte aos visitantes do perigo afectaría tanto á entrada á praia, como ao propio areal e ao camiño habilitado para o paso dos peóns por riba dos cantís.
Así mesmo, a Fundación Enxeñaría Civil de Galicia tamén propón a prolongación do percorrido existente pola beira do cantil do monumento. A recomendación recollida no estudo sería materializar esta ampliación cunha pasarela de madeira de características similares á que ten a senda xa existente e coa instalación dalgúns miradoiros en zonas moi concretas, estables e seguras desde o punto de vista xeolóxico e desde as que os visitantes poderían obter unha perspectiva diferente do monumento natural.
O obxectivo da reunión do próximo mércores por parte da Xunta e do Concello de Ribadeo, que desde o primeiro momento actuaron de forma coordinada na busca de solucións para minimizar os riscos para os visitantes de As Catedrais, é lograr que o Goberno central e máis concretamente, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar se impliquen no problema e asuman a execución das medidas propostas polos expertos para mellorar a seguridade nesta zona e manter a situación actual de libre acceso para as persoas.
Cómpre lembrar que o monumento natural está integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre polo que lle corresponde á Administración do Estado a adopción de calquera posible medida preventiva na zona, no exercicio das súas competencias sobre costas. Ademais e ante a proximidade da Semana Santa, un dos períodos de maior afluencia de visitantes ás Catedrais, a Xunta solicitará á máxima responsable do Goberno na materia, que acometa canto antes as medidas máis urxentes en canto a sinalización, cartelería e acondicionamento das zonas de acceso á praia, co fin de que estes traballos poidan estar rematados antes destas datas.