A agrupación municipal de Lugonovo propuxo esta mañá o que podería ser a solución definitiva ante a crise de persoal “enquistada” no Concello de Lugo, unha solución que ten nome e apelidos: José Vázquez Portomeñe. Este licenciado en Dereito e recoñecido mediador laboral, coa consecución de acordos en máis de 350 conflitos de difícil solución, podería ser, segundo Lugonovo, quen desbloquee a situación de crise laboral no que se atopa a administración local.
Así o explicou o candidato á alcaldía, Xosé Chorén, quen considerou a Vázquez Portomeñe como “a persoa idónea” para resolver este enfrontamento. Asemade, Chorén resaltou o “perfil dialogante e de consenso” que posúe o mediador o que outorga, segundo o alcaldable, “gran consideración entre as forzas sindicais”.
A formación púxose en contacto con Vázquez Portomeñe quen xa confirmou a súa “total disposición” para poñerse ao fronte desta causa; asemade, Lugonovo, trasmitiullo hoxe ao equipo de goberno do que, agardan, unha “contestación sensata”. A agrupación municipal lembra ademáis, que este conflito leva unha década “enquistado e non fixo máis que acrecentarse coa elaboración do actual proxecto de Relación de Postos de Traballo (RPT) e que está a condicionar a eficacia da institución local”.
“Entendemos que xa non podemos seguir de brazos cruzados nin un minuto máis, deixando que o desacougo do funcionariado se perpetúe e que isto condicione, á súa vez, a actividade do Concello e o bo facer dos servizos públicos municipais; a cidadanía de Lugo, merece outra atención”, concluía Chorén.