Lugonovo pide un recoñecemento oficial aos deportistas paralímpicos lucenses

Lugonovo vén de reiterarlle ao goberno de Lara Méndez a súa proposta para que, dende o Concello, se organice unha recepción oficial ao deportista paralímpico Mauro Rodríguez. O lucense regresaba dos Campionatos de España, celebrados hai dúas semanas en Sevilla, coa medalla de ouro nos 200 metros mariposa ademais de obter, entre outros galardóns, o récord nacional, rebaixando o anterior en case 14 segundos e facíase co bronce nos 400 metros estilo libre.

“Tempada tras tempada, Mauro demostra que é todo un exemplo de superación – destaca a portavoz do Grupo Municipal- un gran referente local que, cremos, debe ser recoñecido polas institucións, comezando polo Concello ao que xa apelamos hai xusto un ano neste sentido sen que, até o momento, se tivera pronunciado. Agardamos que, nesta ocasión, acolla con maior receptividade a nosa solicitude”.

Cristina Pérez Herráiz enxalzou unha vez máis a valía do nadador xunto coa amosada polos deportistas de Apsnais que tamén estes días deixaron constancia do seu talento nos Special Olympics celebrados nos Emiratos Árabes. “A expedición regresa hoxe á casa despois dunha exitosa participación nestes xogos nos que obtiveron dous recoñecementos de ouro, dous de plata e outros tantos de bronce, o que é un gran orgullo para toda a cidadanía de Lugo”.

“Estamos seguros de que a Corporación ao completo compartirá con nós a transcendencia de visibilizar publicamente todos estes logros e de felicitalos polos méritos obtidos”, conclúe a voceira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com