“Os lucenses non queremos mendos, queremos feitos e que se nos trate igual que Santiago ou Vigo”, manifestan os cabezas de lista do PP de Lugo ao Senado e ao Congreso, José Manuel Barreiro e Jaime de Olano, respectivamente, unha vez que se coñeceu que o Ministerio de Xustiza non confirma a creación do cuarto xulgado do social en Lugo, senón a dotación de persoal.
Para os populares, e logo dos datos publicados que poñen de relevo a necesidade de crear este órgano xudicial en Lugo con respecto a outras localidades galegas pola cantidade de traballo que soporta, o acordo da alcaldesa e a titular do departamento estatal non soluciona o verdadeiro problema e resposta á presión social e política das últimas semanas.
“Agora din que dotarán a Lugo da estrutura de persoal. O que están facendo é intentar saír do paso dignamente porque hai dúas eleccións polo medio. Pero a nós e, moito menos aos lucenses, isto non nos serve. O que pedimos e, cremos que é de xustiza, é a creación do xulgado, tal e como o Goberno anunciou para outras cidades. Lugo non é unha cidade nin unha provincia de segunda, Lugo e a provincia tamén son de primeira como Vigo ou Santiago”. “Pensar o contrario, engaden, “é marxinarnos unilateralmente”, sobre todo, indican, “cando a Xunta de Galicia ten vontade política e administrativa e recursos para cumprir coa súa competencia, que é financiar o 100% do persoal. O que ten que facer o Ministerio, por tanto, é crealo”, insisten.
“Conformismo de Méndez”
Por este motivo, para os populares a reunión que a alcaldesa mantivo coa titular de Xustiza “tan só é un lavado de cara, co que pretenden disimular, primeiro, que os socialistas de Lugo non teñen moito peso en Madrid e, segundo, tratar de tapar unha marxinación que xa vimos nos propios Orzamentos e que xa explicamos moitas veces e os lucenses coñecen”.
A este respecto, critican que “a Sra. Méndez viaxase a Madrid para isto e se conforme só con isto”. “Non só é que conseguise pouco, é que está aceptando a intención do Goberno de non crear o xulgado”. Os populares consideran que “cando menos debería ter logrado o mesmo que semella que acadou o seu compañeiro e alcalde de Vigo”.
Mar 24, 2019 - 10:48 PM
Bla bla bla bla bla