A Garda Civil detivo a pasada madrugada na localidade de Becerreá a un veciño de Triacastela-Samos de 65 anos de idade como suposto autor dun delito de roubo con forza nas cousas. O detido foi sorprendido por unha patrulla da Garda Civil cando subtraía o contido do depósito de combustible nun camión estacionado na estrada N-VI ao seu paso pola localidade Becerrense.
Os axentes puideron comprobar como, nas proximidades do camión, achábase un turismo de cor negra, conducido habitualmente polo detido, o cal conta con numerosos antecedentes delituosos por feitos similares, o que lles chamou a atención, polo que ao comprobar o camión estacionado nas inmediacións, observaron ao delincuente in fraganti, o cal, para acceder ao combustible, utilizaba unha pata de cabra de grandes dimensións, violentando o tapón e bombín da fechadura, valéndose de dúas mangueiras e sete garrafas plásticas para facerse co contido do depósito.
Das sete garrafas incautadas, devolvéronselle dúas ao propietario que xa estaban cheas do gasoil roubado. O detido pasará a disposición do Xulgado de Instrución de Becerreá no día de hoxe como suposto autor dun delito contra a propiedade, tendo en conta que o valor de mercado do combustible que albergaba o camión superaría os 800 euros, ademais dos danos causados para cometer os feitos, que poderían superar mesmo aos do valor do propio combustible.
Apropiación indebida
Noutro senso, a Garda Civil vén de imputar en calidade de investigado, a un veciño de Vilalba de 36 anos de idade como presunto autor dun delito de apropiación indebida. Tras presentar denuncia en Santiago de Compostela da desaparición de sete vultos o pasado mes de febreiro que eran transportados por unha empresa de mensaxería situada no termo municipal de Vilalba, os axentes iniciaron unha investigación policial que deu lugar á imputación do presunto autor. A persoa investigada foi posta a disposición do Xulgado de Instrución
nº un dos de Vilalba.