Os alumnos do Centro de Formación Audiovisual do Servizo de Audiovisuais da Deputación mantiveron hoxe unha xuntanza cos realizadores Sito Torres e Miguel Granero, dentro dos Encontros Mestre Mateo, que organiza a Academia do Audiovisual Galego. Os lucenses Torres e Granero alzáronse co premio á mellor realización por Álbum de viaxe, ao que tamén optaban Isabel Blanco, por Pasaporte Galego, José Villaverde por Land Rober Tunai Show e Xabier Eirís por Imos indo.
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, estivo presente nesta actividade na que quixo destacar “a importancia que teñen estes encontros para que o alumnado, os futuros realizadores e produtores, manteñan un contacto directo cos mellores profesionais do audiovisual de Galicia e coñezan de primeira man a súa traxectoria e as súas experiencias”.
López Izquierdo subliñou o triunfo de Sito Torres, ex alumno da TIC, e Miguel Granero con Álbum de viaxe, “un proxecto eminentemente lucense, xa que os dous son de Lugo, como tamén o é a súa presentadora, Melania Cruz e as alma mater do programa, Alberte Cabarcos e Estela Freire. A isto hai que sumarlle a colaboración da antiga Fundación TIC na produción do programa piloto que se gravou na Deputación e a participación dunha das nosas bolseiras na montaxe de toda a serie. Polo tanto, unha concentración de talento lucense da que nos sentimos moi orgullosos”.