A Delegación Territorial da Xunta insta ao Concello de Lugo a tramitar a licenza solicitada o pasado mes de agosto para realizar labores de conservación e mantemento na Muralla de Lugo entre os que se atopan os de limpeza dos paramentos.
Este notable atraso de sete meses é “moi negativo” porque impide aplicar os herbicidas no período idóneo. De feito, neste momento é xa unha necesidade perentoria, pois aproxímase a época da chegada e nidificación dos cirrios e de non realizar os tratamentos de inmediato xa non se poderán levar a cabo antes do verán.
A Consellería de Cultura e Turismo remitiu o 23 de agosto do 2018 a solicitude de licenza ao concello de Lugo xunto cun exemplar do proxecto e o informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, entre outros documentos.
A data de hoxe, o Concello de Lugo non concedeu a licenza e tampouco enviou requirimento algún solicitando a ampliación de documentación ou advertindo de calquera outra incidencia.
Autorización de Patrimonio
Ante isto, o Concello asegura que a entidade autonómica non presentou a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura, da propia Xunta, que lles foi requerida e que quedaron de enviar ao concello “mañá mesmo”, co fin de que sexa aprobada de inmediato na vindeira xunta de Goberno.