As consecuencias do conflito dos Balcáns, en Codex Cinema

Un dos feitos históricos máis definitorios dos anos noventa foi a guerra dos Balcáns e a progresiva desintegración da gran Iugoslavia, unha nación que xuntou durante máis de medio século a toda unha serie de grupos étnicos e pobos de diferente procedencia. A separación foi de todo menos amistosa e deu lugar a diferentes accións bélicas e a innumerables casos de discriminación e racismo, a continuas violacións de dereitos humanos e ao enfrontamento entre xentes que ata non moito tempo vivían como irmáns. Deste proceso histórico tan complexo fala Cold November, a película albanesa de Ismet Sijarina.
Este filme, presentado con éxito no pasado festival de Donostia, non fala de ningún feito concreto, como ocorre coa desoladora Grvabica de Jasmina Zbanic, nin sequera nos tempos da guerra, como os filmes máis famosos de Emir Kusturica ou Danis Tanovic, senón que fala dos conflitos a longo prazo que nacen nun mundo criado no odio cara os diferentes, na colisión entre nacionalidades, credos e procedencias. As guerras pasan, mais as mentalidades permanecen, parece dicirnos este filme de grande conciencia histórica. O drama dun home que non comprende o mundo que lle rodea, mais que se deixa arrastrar por seguridade e benestar. O filme fala da banalidade do mal da que falara Hannah Arendt a propósito do nazismo, un exemplo que desgraciadamente volveu a ser pertinente para todas as traxedias vividas nos Balcáns durante a década dos noventa. Un filme aparentemente sinxelo e sen dobreces, que pouco a pouco vai construíndo un paisaxe moral e humano desolador, unha gran  radiografía do seu tempo.
Sesións especiais
Despois de encher a nosa sala hai un par de semanas regresa o documental sobre a convivencia entre o lobo e o home,
Barbacana. Un filme espectacular e feito cunha sensibilidade única para captar os fenómenos naturais, a vida salvaxe, sen perder de vista o aspecto pedagóxico e informativo. O sábado e o domingo terá novos pases especiais.
Ademais, co gallo do Día Mundial do Autismo, e no compromiso dos cinemas lucensesm, pola integración de persoas con doenzas TEA propoñemos unha nova sesión especial informativa co filme Quiero ser cebra, dirixida por Carlos de las Heras e producida pola asociación Música para el Autismo, na que se sigue a vida de catro persoas que teñen que convivir día a día con este trastorno e as dificultades que a sociedade e as limitacións cotiás que encontran para desenvolverse con normalidade. Con motivo de chegar ao maior público posible, o filme se proxecta o martes día 2 de abril as 20:30 a un prezo reducido de catro euros. Esta sesión sería imposible sen a bondade da asociación Música  para el Autismo e por suposto, de Capaces Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com