O Partido Popular de Lugo presentou esta tarde de xeito oficial ás candidaturas coas que concorre pola provincia ás vindeiras eleccións xerais, nun acto celebrado na sede provincial coa participación do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e durante o que os cabezas de lista ao Congreso e ao Senado, Jaime de Olano e José Manuel Barreiro, respectivamente, destacaron a importancia que teñen estes comicios para a provincia, ao tempo que apelaron ao voto útil para o PP como única vía posible para “frear o castigo que Sánchez ten programado para a provincia co consentimento dos socialistas lucenses”.
Os populares aseguran que Pablo Casado é “un valor seguro” para Galicia e para Lugo. O candidato ao Congreso, Jaime de Olano, defendeu que “con Casado a nosa provincia non se verá prexudicada polos Presupostos Xerais tal e como pretendía Sánchez rebaixando as partidas para as nosas estradas e autovías nun 35% e para o tren nun 65%, e deixando no esquecemento demandas tan importantes e comprometidas polo PP con dotacións económicas, como é, por exemplo, a da nova Comisaría Nacional de Policía”.
O candidato ao Congreso destacou que esta campaña electoral é “cuestión de todos . Todos debemos facer un esforzo. Cada voto conta. O voto ao PP é o único valor seguro para non engordar ao PSOE que menospreza aos lucenses. As persoas que hoxe formamos estas candidaturas temos por diante o reto de continuar a traballar para dar estabilidade no Goberno central, para que haxa rigor, coherencia e sentido común e para que aos lucenses se nos escoite e se nos atenda en Madrid”.